Thursday 02 de May de 2024

Formalizados os contratos dos 9 traballadores que incorpora o concello no marco do Plan de Emprego Local 2022


O programa é impulsado pola Deputación da Coruña.

Os nove empregados municipais que o Concello incorpora por un período de seis meses no marco do Plan de Emprego Local (PEL) 2022 impulsado pola Deputación da Coruña formalizaron hoxe os seus contratos. O acto realizouse no centro municipal de emerxencias situado no parque empresarial, coa presenza do alcalde, José Manuel López Varela, e o tenente alcalde, José Ramón Martínez Barbeito.

En concreto son cinco peóns de obras e servizos, dous capataces e dúas traballadoras como persoal de servizos xerais os que se contraron para desenvolver traballos e intervencións de interese municipal. O proceso selectivo realizárase polo sistema de concurso-oposición, valorándose a experiencia profesional e a formación de cada candidato, ademais da realización dunha proba práctica.

Os capataces e peóns formarán cuadrillas de obras e servizos. Encargaranse de actuacións de moi diversas características, como o mantemento de infraestruturas públicas, colocación de sinalización, reparación de beirarrúas e sumidoiros, acondicionamento do terreo para a ubicación de colectores, conservación medioambiental, limpeza viaria e apoio loxístico aos servizos municipais, entre outras. O persoal de servizos xerais desenvolverá, principalmente, traballos de índole administrativa.